diegoRodicio

View Categories

1. Introdución

Tempo de lectura estimado: 2 minutos

A primeira pregunta que podemos facernos é que entendemos por "móbil"?

Se se nos ocorre investigar sobre ese termo, a través dalgún buscador da internet, poderemos observar que non hai unha resposta única e que nalgunhas ocasións as diferenzas poden ser substanciais en función de que é o que consideremos "móbil".

Imos tentar dar unha definición coa que traballaremos ao longo do desenvolvemento do módulo.

Que imos aprender?

Ao rematar este tema deberías ser capaz de:

  • Identificar as principais características dos dispositivos móbiles.
  • Recoñecer as limitacións e vantaxes que condicionan o deseño dunha aplicación móbil.
  • Distinguir os principais sistemas operativos móbiles.
  • Diferenciar entre desenvolvemento nativo, multiplataforma e web.
  • Xustificar a elección de Dart e Flutter como tecnoloxías de desenvolvemento para o módulo.

Definición

Un dispositivo móbil trátase dun aparello:

  • Deseñado para poder transportarse e utilizarse en distintos lugares.
  • Cunha fonte de alimentación autónoma, normalmente unha batería.
  • Con conexión permanente ou intermitente a unha ou varias redes.
  • Cun sistema operativo capaz de executar aplicacións.
  • Con mecanismos de interacción adaptados ao seu formato, como unha pantalla táctil, botóns, voz ou sensores.
  • Cun contexto de uso cambiante, pois pode empregarse en movemento e en condicións moi diversas.

O tamaño, a capacidade de procesamento ou a cantidade de memoria non permiten por si sós definir un dispositivo móbil. Un teléfono actual pode ter máis potencia que algúns computadores, mentres que un reloxo intelixente pode carecer de teclado e ter unha pantalla moi pequena. O importante é a súa portabilidade, autonomía, conectividade e adaptación ao contexto no que se utiliza.

Este tipo de dispositivos poden cumprir funcións moi diversas: realizar chamadas, xestionar unha axenda, xogar, navegar mediante GPS, reproducir contido multimedia, acceder ao correo electrónico, navegar por Internet, efectuar pagamentos, controlar outros aparellos ou monitorizar a actividade física, entre outras moitas posibilidades.

Estes aparellos resultan especialmente útiles naquelas contornas nas que levar consigo un computador convencional, incluso un portátil, non é práctico, ou cando se precisa acceder a información e servizos en calquera momento e lugar.


Máis info

Para obter máis información acerca de cales poden ser as características dun dispositivo móbil podes consultar o artigo na Wikipedia sobre dispositivos móbiles