Antes de comezar a desenvolver software para algún destes dispositivos, é necesario ser conscientes das limitacións coas que nos podemos atopar nestes aparellos. Cales son as restricións ás que nos imos a ter que enfrontar?
Limitacións
Algunhas destas restricións son:
- Subministración de enerxía limitada (normalmente dependente de baterías).
- Necesidade de equilibrar rendemento, consumo de enerxía e temperatura do dispositivo.
- Memoria e capacidade de procesamento moi diferentes segundo a antigüidade e a gama do dispositivo.
- Conexión á rede intermitente, con velocidade e latencia variables ou cun custo asociado ao consumo de datos.
- Pantallas de dimensións, orientacións, densidades e formatos moi variados.
- Interacción principalmente táctil, menos precisa que a realizada cun rato, e ausencia habitual dun teclado físico.
- Interrupcións frecuentes causadas por chamadas, notificacións, cambios de aplicación ou bloqueos da pantalla.
- Restricións á execución de tarefas en segundo plano impostas polo sistema operativo para aforrar enerxía e protexer a privacidade.
- Necesidade de solicitar permisos para acceder á cámara, localización, micrófono, contactos e outros recursos sensibles.
- Diversidade de versións do sistema operativo e de capacidades de hardware.
- Necesidade de garantir a accesibilidade en diferentes condicións de visión, audición, mobilidade ou comprensión.
Este tipo de restricións, e algunhas outras que dependerán de cada dispositivo en concreto, deberán terse moi en conta á hora da análise e do deseño dunha aplicación móbil. Unha aplicación pode ofrecer unha funcionalidade semellante á dun programa de escritorio, pero a súa interface, o seu fluxo de traballo e o uso dos recursos deben adaptarse ao dispositivo e ao contexto de uso.

Vantaxes
Doutra banda, non todo vai ser restricións. Tamén haberá que ter en consideración que esta tecnoloxía vai achegar unha serie de vantaxes moi importantes:
- Mobilidade
- Pouco peso
- Pequeno tamaño
- Facilidade para o transporte
- Conectividade mediante redes móbiles, wifi, Bluetooth, NFC e outros sistemas de comunicación.
- Acceso a sensores como GPS, cámaras, acelerómetro, xiroscopio, magnetómetro ou sensores biométricos.
- Posibilidade de ofrecer servizos personalizados e adaptados á localización e ao contexto do usuario.
- Dispoñibilidade inmediata e capacidade para recibir notificacións.
