---
title: ▶️ Crear e executar o primeiro proxecto
description: "## 🆕 Crear o proxecto en VS Code Co SDK instalado: 1. Abre a paleta de comandos e escolle **Flutter: New Project**. 2. Selecciona **Application**. 3. Escolle o cartafol onde gardas os proxectos e ponlle o nome `primeira_app`. 4. Agarda…"
url: "https://www.drodicio.com/docs/flutter/tema-1-introducion-a-flutter-primeiros-pasos/o-primeiro-proxecto-flutter-e-execucion-basica/"
updated: "2026-10-12"
category: Tema 1. Introdución a Flutter. Primeiros pasos
---

# ▶️ Crear e executar o primeiro proxecto

## 🆕 Crear o proxecto en VS Code

Co SDK instalado:

1. Abre a paleta de comandos e escolle **Flutter: New Project**.
2. Selecciona **Application**.
3. Escolle o cartafol onde gardas os proxectos e ponlle o nome `primeira_app`.
4. Agarda a que remate a creación e abre `lib/main.dart`.

Tamén podes crealo desde a terminal:

```bash
flutter create primeira_app
cd primeira_app
code .
```

Usa minúsculas e guións baixos no nome do proxecto. `code .` abre o cartafol actual en VS Code; se ese comando non está dispoñible, ábreo desde o menú do editor.

![Crear un proxecto desde a terminal e abrilo en VS Code](https://www.drodicio.com/wp-content/uploads/2026/10/flutter_create-scaled.jpg)
Crear un proxecto desde a terminal e abrilo en VS Code

## 🗂️ Ficheiros que debes localizar

![Cartafoles e ficheiros dun proxecto Flutter](https://www.drodicio.com/wp-content/uploads/2026/10/estrutura_proxecto.jpg)
Cartafoles e ficheiros dun proxecto Flutter

| Localización | Para que serve? |
| --- | --- |
| `lib/main.dart` | Contén o punto de entrada e o código inicial da aplicación. |
| `lib/` | Aquí escribiremos o código Dart. |
| `pubspec.yaml` | Configura o proxecto, os paquetes e os recursos. |
| `android/`, `ios/`, `web/`… | Configuración específica de cada plataforma. |
| `test/` | Probas da aplicación. |

Para empezar traballaremos principalmente en `lib/main.dart`. Os cartafoles xerados poden variar segundo as plataformas habilitadas.

## ▶️ Executar a aplicación

1. Inicia o emulador de Android ou o simulador de iOS que configuraches.
2. En VS Code, preme no selector de dispositivo da barra inferior e escolle onde executar.
3. Preme **F5** para iniciar a aplicación en modo de depuración.

![Seleccionar un emulador en VS Code](https://www.drodicio.com/wp-content/uploads/2026/10/emulador-2-scaled.jpg)
Seleccionar un emulador en VS Code

---

![Executar a aplicación no emulador](https://www.drodicio.com/wp-content/uploads/2026/10/run_emulador-scaled.jpg)
Executar a aplicación no emulador

Tamén podes escoller **Chrome** se o tes instalado e aparece entre os dispositivos.

![Seleccionar Chrome para executar a aplicación na web](https://www.drodicio.com/wp-content/uploads/2026/10/preparar_web.jpg)
Seleccionar Chrome para executar a aplicación na web

Desde a raíz do proxecto, a alternativa na terminal é:

```bash
flutter run
```

Se hai varios dispositivos, escolle un cando o solicite. Para executar directamente en Chrome:

```bash
flutter run -d chrome
```

A primeira execución pode tardar máis porque prepara e compila o proxecto. Unha vez aberta a aplicación, comproba que responde e pasa ao exemplo do seguinte apartado.

## 🔌 Probar nun móbil real

En Android, activa as opcións de desenvolvedor e a depuración USB. Conecta o móbil, autoriza a conexión e selecciónao en VS Code. En iOS tamén cómpre preparar o dispositivo e a sinatura desde Xcode.

> 📚 Consulta:
>
>
>
> - [Dispositivos Android → `https://docs.flutter.dev/platform-integration/android/setup`](https://docs.flutter.dev/platform-integration/android/setup) ·
> - [Dispositivos iOS → `https://docs.flutter.dev/platform-integration/ios/setup`](https://docs.flutter.dev/platform-integration/ios/setup) ·
> - [Desenvolvemento web → `https://docs.flutter.dev/platform-integration/web/setup`](https://docs.flutter.dev/platform-integration/web/setup).
