---
title: ⚙️ Preparar o contorno de desenvolvemento
description: "Para instalar Flutter imos seguir os pasos indicados na **guía oficial de Flutter**. Flutter pódese instalar de dúas formas: - Realizando unha **instalación manual e personalizada** - A través do editor **Visual Studio Code**. Empregaremos esta segunda opción, xa que…"
url: "https://www.drodicio.com/docs/flutter/tema-1-introducion-a-flutter-primeiros-pasos/configuracion-do-entorno-de-desenvolvemento/"
updated: "2026-10-12"
category: Tema 1. Introdución a Flutter. Primeiros pasos
---

# ⚙️ Preparar o contorno de desenvolvemento

Para instalar Flutter imos seguir os pasos indicados na **guía oficial de Flutter**.

Flutter pódese instalar de dúas formas:

- Realizando unha **instalación manual e personalizada**
- A través do editor **Visual Studio Code**.

Empregaremos esta segunda opción, xa que simplifica o proceso de instalación e configuración.

> 📚 Sigue a guía oficial para o teu sistema (a través de VS Code):
>
>
>
> - [Instalar Flutter con VS Code → `https://docs.flutter.dev/install/with-vs-code`](https://docs.flutter.dev/install/with-vs-code)

![Guía oficial de instalación de Flutter con VS Code](https://www.drodicio.com/wp-content/uploads/2026/10/install_flutter_vscode.png)
Guía oficial de instalación de Flutter con VS Code

## 💻 VS Code e extensión Flutter

Instala **Visual Studio Code** e, a continuación, instala a extensión **Flutter** desde o propio VS Code. Esta extensión instalará tamén automaticamente a extensión **Dart**.

Antes de continuar, comproba na guía oficial que o teu sistema cumpre os **requisitos previos necesarios**, prestando especial atención á instalación de **Git**.

> 📚 Descargar VS Code:
>
>
>
> - [VS Code → `https://code.visualstudio.com/`](https://code.visualstudio.com/) ·

![Extensións Flutter e Dart en VS Code](https://www.drodicio.com/wp-content/uploads/2026/10/flutter_plugin-scaled.png)
Extensións Flutter e Dart en VS Code

## 📥 Descargar o SDK de Flutter desde VS Code

1. Abre a paleta de comandos con `Ctrl + Shift + P` en Windows/Linux ou `Cmd + Shift + P` en macOS e executa **Flutter: New Project**.
2. Se VS Code non atopa o SDK de Flutter, selecciona **Download SDK**, indica onde queres gardalo e preme **Clone Flutter**. Se xa o tes instalado, selecciona a súa localización.
3. Cando remate a descarga, preme **Add SDK to PATH**. VS Code encargarase de engadir automaticamente a ruta necesaria ao PATH.
4. Reinicia VS Code e abre unha terminal nova para que os cambios teñan efecto.

> 💡 **Que acabamos de configurar?**
>
>
>
> - O **Flutter SDK** contén as ferramentas necesarias para desenvolver aplicacións con Flutter e inclúe o **Dart SDK**.
> - O **PATH** permite executar comandos como `flutter` desde calquera terminal.

Comproba que Flutter está correctamente instalado:

```bash
flutter --version
```

Se o comando non se recoñece, revisa a configuración do **PATH** seguindo as indicacións da guía oficial.

No seguinte apartado completaremos a configuración necesaria para executar as nosas aplicacións en Android.

## 🤖 Android Studio e emulador de Android

Case ao final da páxina de instalación anterior, selecciona **Set up a target platform → Android** para configurar o equipo e poder executar as aplicacións Flutter nun dispositivo ou emulador Android.

![Acceso á guía de configuración de Android](https://www.drodicio.com/wp-content/uploads/2026/10/install_android_studio-scaled.png)
Acceso á guía de configuración de Android

A continuación, instala **Android Studio** e completa o seu asistente de configuración inicial.

> 💡 **Para que empregaremos Android Studio?**
>
>
>
> - Instalar e configurar o **Android SDK**.
> - Instalar as ferramentas necesarias para desenvolver e executar aplicacións en Android.
> - Crear e xestionar os **emuladores de Android**.
> - **Para escribir e executar o código das nosas aplicacións seguiremos utilizando Visual Studio Code.**

### ⚙️ Configurar o Android SDK

Abre **Android Studio** e accede a **SDK Manager**. Instala a versión da plataforma Android indicada na guía oficial de Flutter e comproba que están instalados os compoñentes necesarios de **SDK Tools**, entre eles:

- Android SDK Build-Tools
- Android SDK Command-line Tools
- Android SDK Platform-Tools
- Android Emulator
- CMake
- NDK (Side by side)

### 📱 Crear un emulador de Android

Desde **Android Studio**, abre **Device Manager** e crea un novo dispositivo virtual.

Selecciona un modelo de dispositivo, descarga unha **imaxe de Android compatible co teu ordenador** e completa a creación do emulador. Unha vez creado, podes inicialo directamente desde o propio **Device Manager**.

> 💡 **Importante:** aínda que o emulador se crea e configura desde Android Studio, despois poderemos utilizalo directamente desde **Visual Studio Code** para executar e probar as nosas aplicacións Flutter.

## ✅ Licenzas de Android

Na terminal, executa o seguinte comando e le e acepta as licenzas necesarias:

```bash
flutter doctor --android-licenses
```

## 🍎 Xcode e simulador de iOS en macOS

Se estás realizando a instalación de Flutter en **macOS**, ao final da mesma páxina da guía oficial que empregamos para instalar Flutter con VS Code atoparás o apartado **Set up a target platform**.

Do mesmo xeito que fixemos anteriormente con Android, selecciona agora **iOS** para continuar coa configuración necesaria para executar as aplicacións Flutter nun iPhone ou no simulador de iOS.

> 💡 **Importante:** a opción para configurar **iOS** só aparecerá se na guía de instalación seleccionaches **macOS** como sistema operativo.

![Acceso á guía de configuración de iOS con Xcode](https://www.drodicio.com/wp-content/uploads/2026/10/install_flutter_xcode-scaled.png)
Acceso á guía de configuración de iOS con Xcode

Segue os pasos indicados na guía para instalar **Xcode** e completar a súa configuración. Xcode proporciona as ferramentas necesarias para desenvolver e executar aplicacións para os dispositivos de Apple, incluído o **simulador de iOS**.

Durante o proceso, a guía indicarache como:

- Instalar e configurar **Xcode**.
- Configurar as súas ferramentas de liña de comandos.
- Aceptar as licenzas de Xcode.
- Descargar o soporte necesario para **iOS** e o seu simulador.
- Instalar, se é necesario, outros compoñentes requiridos para o desenvolvemento con Flutter.

### 📱 Simulador de iOS

Unha vez completada a configuración, inicia o **simulador de iOS** seguindo as indicacións da guía oficial.

> 💡 **Lembra:** Xcode encárgase de proporcionar e xestionar os simuladores de iOS, pero para **escribir e executar as nosas aplicacións Flutter seguiremos utilizando Visual Studio Code**. Unha vez iniciado o simulador, poderemos seleccionalo como dispositivo desde VS Code.

Se empregamos plugins de Flutter que necesiten código nativo de iOS, comprobaremos tamén os requisitos adicionais indicados na guía oficial.

## 🩺 Comprobación final

```bash
flutter doctor
flutter devices
```

- `flutter doctor` indica que ferramentas están listas e cales necesitan atención. Resolve os problemas das plataformas nas que vas traballar; non necesitas configurar todas. Usa `flutter doctor -v` se precisas máis detalle.
- `flutter devices` mostra os dispositivos dispoñibles. Co emulador ou simulador iniciado, comproba que aparece na lista.
